![]() |
Manifestación Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornad*s: https://www.facebook.com/events/742367419167589/ |
Son
emigrante, fillo de emigrantes e neto de emigrantes. Unha situación
que -por desgraza- é moi cotián pra amplas capas da poboación
galega. A maquinaria da doutrina do shock non cesa e
mantén a raia a nosa autoestima, o noso autoconcepto e a nosa
capacidade dialéctica pra poder ubicar e interrelacionar ben que
está a pasar coa traxedia do exilio silenciado nesta
crise-estafa. Estamos socializadas na precariedade e
vulnerabilidade; interiorizamos dende ben cativas a posibilidade real
e reiterada de ter que emigrar -o eterno fantasma que nos limita-.
Niste sentido temos máis que asumido o drama da emigración como un
feito inevitábel. Coido que sempre fumos educadas en que estamos
diante unha plaga bíblica, unha maldición divina ou unha
característica propia e intrínseca ao “carácter atlantista”
-as veces até romantifican dende Madrid iste sentimentos atrofiados
para manternos contemplativas e paralizadas-.
O
feito é que o Estado español -e a súa ramificación tecnócrata
parapetada na Xunta- empéñase en despolitizar a sangría
migratoria, minimizar as consecuencias socioeconómicas e
invisibilizar as causas políticas desta traxedia centenaria que
azouta os piares da nosa existencia. Namentres o pobo galego segue o
camiño do exilio, iles seguen a darnos altas doses de estereotipos
folklorizados, prexuízos que nos infantilizan e monsergas
revictimizadoras que nos fan languidecer no pesebre da morte
doce -nesta nova Noite de Pedra versión soft que
nos paraliza sen tregua-. Queren que non analizemos sociocríticamente
a situación, que non rachemos co status quo que xenera xenerosas
plusvalías ao réxime español.
Non
esquezamos que se a nosa diáspora é unha das máis grandes do mundo
non é pola “alma aventureira galega” ou pola necesidade de
“internacionalizala galeguidade” (calcúlanse 11 millóns de
almas espalladas polo mundo adiante). Queren desnortarnos e
que vexamos desexábel e ventaxoso tanto exilio, pero, ¿cómo
pretenden que romantifiquemos e gostemos de que o noso pobo se
multiplique por catro máis aló das nosas fronteiras? ¿que se
descapitaliza e teña unha morte doce e sixilosa o noso futuro? Ben
saben o que fixeron e fan, por iso agochan iste drama social e
nacional: véñennos con lerias e versións edulcoradas para agochala
desfeita.
Vemos
logo que a emigración -como proceso sociopolítico e fenómeno
demográfico- é desdibuxado e simplificado, non falemos xa da
negación da emigración que se da dentro dos límites
administrativos do Estado -“desplazámonos internamente polo
Reino”-. Redúcennos a un simple “dato inconexo" ou “estilos
de vida específicos” sen trascendencia e ligazón ningunha. Unha
cousificación despolitizada e consciente que fan baixo parámetros
españois e individualistas para agochar unha análise crítica e
seguir colonizándonos de xeito estrutural e sen tregua. En
definitiva, sempre se negou que Galiza se materializa nun pobo-nazón,
e como consecuencia diso, négase obviamente a realidade diferenciada
de sermos unha emigración concreta e específica e, como non, a
existencia dunha diáspora nacional. Todo encaixa coas teses
asimilacionistas que intentan reducirnos a ser unha rexión
ultraperiférica.
Tuteladas
e infantilizadas, na Galiza sempre nos obrigaron a estaren a esperas
das recetas que dende Madrid daba o réxime de turno -esa é a nosa
historia recente e presente-. Nos anos 60 nosas avoas tiveron que
exiliarse polas políticas ruralicidas e desarrollistas que nada bo
trouxeron pro agro e os setores produtivos do país. A “emigración
voluntaria” desa década baixou o paro no conxunto estatal e, por
tanto, a presión demográfica que tiña o Estado franquista -o Reino
alixeirou peso e axilizou os andares no proceso desarrollista-.
Maltratouse institucionalmente a toda unha xeración co drama do
exilio e o subseguinte desamparo. Agora, os netos dos culpábeis que
ocupan o poder, maltratan unha segunda volta con máis saña a mesma
xeración que agora está retornada na Galiza. O fío da historia eí
está, as mesmas políticas españolistas que negaron o pan outrora
son as mesmas que rouban as pensións e os aforros dagora. Os
ruralicidas sempre nos ofreceron a emigración como única vía
factible, ¿cómo van tratar ben agora as nosas maiores emigrantes e
retornadas se sempre as ignoraron e as maltrataron?
O
centralismo español -franquista ou tardofranquista- críanos entre
os macutos baixo da cama e a imposibilidade de sentírmonos
realizadas no noso país. Sementan fatalismo porque temen a pedagoxía
popular e os procesos de concienciación nacional: por iso
estigmatizan o nacionalismo galego e folklorizan/despolitizacn á
diáspora galega -son conscientes do rol activo e determinante que
chegou a ter-.
Os
voceiros do Réxime non paran de relatar e redefinir o “feito
migratorio”, lembrándonos en todo momento que, como pobo, non
temos autodeterminación para traballar, producir e habitar na propia
Terra. É un leimotiv que é estrutural na esencia
españolista e se fixo patente dende sempre por parte de
tódolos poderes que emanan do réxime capitalista-patriarcal. O
Reino de España nega o noso direito a seren suxeitos activos na
(re)construcción dos nosos relatos e narrativas nacionais, a vontade
de escribiren dende o empoderamento, a boa análise e unha concepción
emancipatoria -cousifícannos sendo emigrantes e retornadas-. Por
esta razón empregan a violencia simbólica, policial, económica e
mediática pra estigmar e criminalizar as nosas emigrantes
aforradoras e retornadas.
Sen
humanidade ningunha espallan difamacións e discursos cargados de
odio nos que sentencian que as emigrantes non eran aforradoras (din
que son inversoras) e, ademais, din que as nosas retornadas non eran
traballadoras exiliadas (senón estafadoras, evasoras de capitais,
“almas aventureiras”). Pero claro, non me extraña tanta
indiferencia, inhumanidade e odio contra as nosas emigrantes
retornadas: elas son as mozas que nos anos 60 foron negadas e
expulsadas ao exilio. Primeiro roubáronlles os sonos, agora os
aforros. Claro queda que exilio e espolio son dúas caras da mesma
moeda neste rexime español, neste retorno que tanto molesta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario