domingo, 2 de febrero de 2014

MUÍÑO

Roda de pedra fora do sitio.
Ladrillo vello e escombreira improvisada.
Tellado que foi, do que soo quedan as trabes.
Musgo que invade as paredes des/cubertas.
Restos de vidros afumados, de xanelas que da medo velas.
A ubicación e acceso intúense, mais descoñécese moito.


Silvas e hedras engarzan e moldean as pedras.

Amapolas as beiras e flor de toxo contemplando á falta de humidade.
Xestas como cabalos vanse vindo cara o pétreo enclave.
Os fentos xenerosos abrazan a fortificación de vella pedra.
O río, vido a menos, non trae ouro azul polo centenario desvío.
Xa non se fai pan, a roda non compre, as xentes mudaron o conto.


No seo do muíño o serrín e os anacos de madeira frearon a herba.

Silencio que doe nas orellas e che bate nas pernas.
Ollalo camiño de volta e imaxinas como serían esas tardeiras.
Sestas longas, moita conversa, traxín no río das lavandeiras.
Moer, muíños, muiñadas, muiñeiras.
Testemuña patrimonial da xénesis da danza identitaria.


*Ángel Amaro

No hay comentarios:

Publicar un comentario