domingo, 12 de enero de 2014

PANDERETEIRAS

Encontros de sons alén Artabria.
Xuntanza de rimas e voces nas praias.
Lamentos, aturuxos e lembranzas.
Os seres do mar danse cita na costeira.
Saborean memoria cantada das xentes da beira.
Escoitan versos puros da vosa ialma mariñeira.

Mulleres de mar, labregas de alga e ameixa.

Entonades firmes. Cantares de cantareiras.
A quedada é na alborada, no luscofusco da tardeira.
Entonades pétreas. Xotas de pandereteiras.
Aproveitades pra falar de mozos e de amizades.
Entonades enraizadas. Lembrades contos e lerias.
Cantares de tarde preguiceira.

¿Que non cantas pandereteira?
Bágoa invisibilizada entre tronada de ferreña vella.
¿Canto non dis fiel compañeira? 
Sabedora galaica de segredos da veciñanza.
¿Canto ti sabes miña ialma mariñeira?

O coiro e as ferreñas replican no ceo.

Estremecen as ondas, Atlántico aberto.
Dende os cabos retumban cantos antergos.
Mozas, adultas e maiores do banco vello.
Agarimo rítmico do cancioneiro.
Tradición oral de nais a fillas. 
Aprendizaxes coletivos no cotián dos lameiros.

Saias, enaguas e muradanas facías.

Cores quentes, arte popular das inxeniosas veciñas.
Roupas feitas con maus que adiviñan.
Namentres no pote creades o diseño do día.
Nas lareiras lembrades e ordenades a vida.
Entre grelos e agullas, cociñaba e cosía. 
Reordenando a memoria do folklore da mariña.

Pandeiretas que arden coas maus pechadas.

Batedes con xeito, improvisacións xeradas.
Mágoas e loito saen das vosas gorxas.
Berrádeslle a diáspora, o fin do mundo.
Lume quente que abrasa o tempo mudo.
Parecedes antorchas, aquelarre do vento.

Dinvos seres perfectos do estremecemento.

Entre as rías atronades. Berros dun tempo.
Voces femeninas que arrepían e rachan silencios.
Percebeiras, viudas e lésbicas.
Pola faciana da costa atronan voces diversas.
Valerosas, sereas. Cantos pra alén Fisterra.

Ofrendas rítmicas das bravas célticas.

Cicais agasallo ou cicais reproche as meigas.
A realidade supera a idealización do maxinado.
Sodes etnografía viva dun tempo que sempre estivo preto de nós.

Mulleres do presente antergo. 
Mulleres do presente pasado.


*Ángel Amaro

No hay comentarios:

Publicar un comentario