viernes, 17 de enero de 2014

ANDURIÑA

Per/corres anduriña entre as fronteiras do tempo.
Co papo agrisallado vas o alpendre abandoado.
Fas vasixas ben xeitas co enxebre barro.
Migrante de milleiros de kilómetros e de pico experimentado.
Exploradora amazona de voar mollado.


Re/habitades casiñas de palla e barro coidado.

Compañeira do sacho na sesta e do labrego do secano.
Titiriteira nas aldeas e madrugadora no lameiro xiado.
Transfronteiriza nosa que das voltas aturdida.
Cuquiña ti vas da aira ó río; do río ó faiado.


Revoltosa xogadora ti és anduriña.

Falas do toxo florido e da xesta encendida.
Do raposo aparvado e da xabarina parida.
Entre o monte fervido impós beleza peinando agarimo.
Fas trastadas coas pegas e os corvos.
Lembrades andainas do tardeiro e do outono.


Ti, anduriña. 

Incansable loitadora que sempre voltas.
Ti, anduriña. 
Triste reflexo pola xente que xa non ollas.


No papo manifestas saudade e agotamento.

És nómada, pero oposta o noso esquecemento.
Pequena grande ave que teces cultura dalgún xeito.
Lembras axetreos e traxín de dor sen teito.
Fiadeiros que non son. Algarabías que lembras nalgún momento.


Ti, anduriña. 

Agotada viaxeira de ceo aberto.
Faciana humana en paxaro non ledo.
Experimentada en mesturar bágoas co barro dos ríos secos.
Experimentada en levar por dentro todos os lembrados lamentos.
Experimentada en faguerte de pedra e voar sen xeito.
¿Esqueciches a compañía do labrego?
¿Botas a faltar o rego aberto?


Ti, anduriña.

Axetreada solitaria de voo preto.
Testemuña artística polo ar sostendo.
Pico misturado de poema e vento.
Herdeira ceibe do éxodo chea de medo.
Recuncho antergo que coñece desertos.
Paxariño de branco e negro que non se da o desalento.
¿És máis labrega ou migrante mariñeira?
¿Voltas co papo morriñeiro e ás preguiceiras?
¿És máis nosa ou da África inteira?


*Ángel Amaro

No hay comentarios:

Publicar un comentario