Mostrando entradas con la etiqueta Sociopoemas de Ángel Amaro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sociopoemas de Ángel Amaro. Mostrar todas las entradas

martes, 11 de agosto de 2015

MORTE

Regar sobre a horta extenuada; alleo aos cheiros que han de vir.
A regadeira é testemuña da terra brava; non cesa de salpicar o po da secura insaciábel.
O froito trata de resistir e eu insisto; a horta como espazo de resistencia.
Mentres, o monte arde.

Andar de brincadeiras coas señoriñas; non pensar no árido agosto que aniquila o plantado.

O ar enzóufase da cinza da infertilidade; impotencia polo patrimonio que se vai.
A miña parlanchina regadeira soña con apagar; máxico sería poder voar e aliviar.
Mentres, eu ardo.

Non nacimos pra estar cercadas pola morte.
Non naceron pra morrer.

*Ángel Amaro

viernes, 28 de noviembre de 2014

PEDRAS


Musgo de cen texturas.
Berce da pedra dos tempos.
Faciana perfilada polo fío do orballo raposeiro.
Pedra espida ao carón dos non chegados; acougas divisando porvires e lamentos.

Agardas millores alboradas.

Co abrente das mañás perfilas sorrisos pros aturdidos.
Testemuña pétrea dos asubíos parroquiais, choros e fame dos sedentos.
Fante morta e de frío sentimento; descoñecen os segredos que agochan as pedras dos tempos.

*Ángel Amaro

lunes, 15 de septiembre de 2014

SOMBRAS

[Á matriota Rosalía]


Que mala a sombra do desarraigo e a alienada conciencia,

serea te amosas pra espallar mensaxes baleiras,
máis dañina ti és que a sombra da frondosa nogueira,
fresqueira non quero das pólas da túa amnesia,
sentarme non quero aos pés da eterna indiferencia.


Atormentas e fas mofa como rezaba a Deusa,

con ducias facianas vaste abrindo paso como rego de fío,
enredas polos baixos das almas mundanas xa feitas a esquecer,
pisoteas a feito nos corazóns que xa non fan seu nada,
asentas no colo errante e nos braciños sen ansia.


Amnesia escura que emerxe do Tártaro como apocalíptica alborada,

prendes nos bandullos como gramata apilada,
secas as puntas das raíces que a transcender se negan,
apaciguas as ialmas de quenes soñar xa non queren,
xiada negra que rabeas por barrer o asentado a feito.


Non me fío da paz borralleira da autocomplacencia,

afástome do agarimo meigallo e do acougo precipitado,
abrazo outras cálidas sombras das soedades,
saboreo outras negruras da romántica plenitude de pedra,
achégome sereo as sombras que a desnortarme se negan.

*Ángel Amaro

sábado, 6 de septiembre de 2014

NO PAÍS DOS MIL GRISES

Os namorados dos mil silencios,
as Santas Compañas da contención e o peito aberto,
falas que agochan na faciana da costume,
sentimentos inombrábeis dos baixos luares.

Orballo afetivo que se invisibiliza e fai errante,
áxil emoción que fuxe e se espalla entre a pedra,
sutís coidados dos homes sentidos e amantes,
plumas feitas ao armario de visagra vella.

Latricar no banco da tardeira e na fonte da sesta,
recunchos reapropiados e feitos outros lugares,
conversas preguiceiras dos labregos de moitos ollares,
badalada poética nos corazóns dos mil pesares.

Aproveitar a regadela pra poñerse de lerias,
disimular as paixóns entre conversas do agro,
ir recoller o gando e humanizando pegadas na morte do día,
no luscofusco do vrau habita o único desexo que alivia.

Vítimas de paliqueiras e homes baleiros,
incomprendidos que divagan entre as airas e os lameiros,
soñadores de día que tecen novas madrugadas e corazóns sen xiadas,
Arcos da Vella que habitan na aldea e non se agrisallan.

Mozos pícaros que se fan fortes entre abouxos e sentencias,
labregos utópicos de peito orgulloso e henchido,
negadores activos dunha emigración anunciada e un exilio ofrecido,
resistencia que espanta con aturuxos ó éxodo sexual.

Todas, todos, somos.
Vós que estades e nós que estivemos.
Fino vínculo da merusquiña da resistencia.
Non darán agochado as infinitas cores no País dos Mil Grises.

*Ángel Amaro

sábado, 28 de junio de 2014

28X, DEUME POR LEMBRAR



Outro 28X nas nosas axendas e deume por lembrar, por lembrar/me...

das persoas LGTBI que no cotián loitan pola soberanía do seu pobo;
das nosas maiores que resisten no rural;

das nosas cativas que fan das aldeas lugares máis dignos e habitábeis;
das patriotas feministas que endexamais deixaron a barricada da liberación sexual;
dos nosos anceios de emancipármonos que se misturan coa morriña dos tempos;

dos amoríos non verbalizados;
das caricias preguiceiras que habitan nos fallados do tempo;
das complicidades que pasan desapercibidas;

dos armarios negados que saben a rural e se negan nas urbes;
das identidades esnaquizadas que habitan espazos hostís;
das miradas pícaras e a linguaxe de barricada;

da nosa particular emancipación entrecruzada e interdependente;
das mulleres heteros que se parten a cara contra a transmaribibollofobia;
dos homes feministas que dende o rural deconstrúen o patriarcado;

dos nenos e mozos que se cuestionan e tecen apoio mutuo nas airas e parroquias;
das historias e vivencias negadas polo xugo español;
da historia de Elisa e Marcela; 

da nosa Esmorga;

da nosa cultura LGTBI emigrada e exiliada...

Lémbro/me da cultura LGTBI dos pobos sen estado;

das queimadas e apestadas polo sinxelo feito de amar; 
da creatividade negada polos mass media;
das creadoras irredentas e insumisas;

do noso imaxinario irmandiño de meigas e rabudas;
das exiliadas que se negan a negar;
das vivencias de ida e volta;
das pequenas grandes mudas;

dos macutos cheos de contos e lerias;
das matriotas solidarias que practican o apoio mutuo até dentro das cárceres;
das solidarias internacionalistas;

das emigradas e exiliadas con ansias de voltar e trastocar;
das non asimiladas que dende a precariedade mudan e axitan;

das incrédulas que -de esprito cheo- sementan utopías e comparten enredos.

Lémbro/me delas, sí.

Cativas, mozas e novas que se expanden nas ruralidades dende os afectos, a creatividade e os sentimentos;

sementes de vencer que azuzan nas parroquias e vilas que se negan a esmorecer.

Non me esquezo delas, sí.

Maiores, retornadas e exiliadas diaspóricas;
reverdecen todas elas sí, en tódalas gamas de cores;
expresivas con tódolos olores, sabores e discursos emancipatorios;
narradoras infatigábeis, cofres de vida e sabedoras de desacougos;
que non saberán as que van paso sereo firme;

co traxín dos ningures, entre as fronteiras do campo e as portas da cidade.

Hoxe;

un 28 de Xuño máis...
deume por lembrar.


*Ángel Amaro

sábado, 17 de mayo de 2014

DESLENGUADAS SOMOS

Incordiámoste con lingua de sal e coiro vello.
Coñecemos os teus malestares ao noso paso titubeante.
Azoutamos con verbas de barallete e castrapo agarimoso.
Na lexanía deixamos pegada étnica coa fala aturullada. 
Peito henchido de lembranzas atravesadas por unha lingua feita nosa.


Insistimos en non deixar de resistir, de ser exiliadas rabudas. 

Non se nos vai a vida, senón a fala nosa de cada día.
Apelamos pola revolta dos sentidos e dos sentimentos feitos nosos.
Tachadas de mal faladas, deslenguadas: ollámonos non homoxeneizadas.
Mal entendidas, non comprendidas: óllannos non asimiliadas e emigrantes tortas.


Non é emigración, é exilio.

Non somos "falantes", somos diáspora nacional.
Non somos morriña atrofiada, somos sentimento e razón no medio do peito aberto.
Non é un fenómeno individual esporádico, é unha sangría interxeracional centenaria.


*Ángel Amaro

lunes, 5 de mayo de 2014

NÉGOME A NEGAR

Non renego do acento, do deixe, da fala, da cultura, da miña mestizaxe de fronteira.
Non renego da Galiza que baixa o lombo pra sachar, mallar, fresar ou segar.
Non renego da solidariedade e apoio mutuo das comuneiras e das parroquias.
Non renego da labrega que consciente de seu está henchida de vida e rebeldía.
Non renego da señora de pano negro aparentemente engaiolada en prexuizos.
Non renego dos concretos tempos, do que vai devagar, dos coidados pequenos.
Non renego das mulleres sabedoras de tesouros e lendas, de manias e ditos.

Négome a renegar...

Non renego da rapazallada víctima da pauperización organizada dende Madrid.

Non renego das emigrantes alienadas que se autoperciben autómatas e baleiras.
Non renego da estigmatizada ignorancia que todos tachan de incultura do Interior.
Non renego dos morriñeiros que soo pensar nas vías se fan pequerrachos.
Non renego das inocentes, as que - cheas de actitude - aprehender sempre queren.
Non renego das mozas do castrapo, do seseo e da gheada; do galego asilveirado.
Non renego das nenas apaixonadas polas fadas e meigas, pola maxia dos montes.

Négome a renegar...

Non renego das compañeiras semellantes, ainda que aparentemente dispersas.

Non renego de desidealizar o entorno, de reformular novas linguaxes; re/a/chegar/me.
Non renego desas morriñas esporádicas que se antoxan superficiais e caprichosas.
Non renego dos medos da volta, do non atopado, da redimensión que ha de vir.
Non renego da diáspora que haberá que reubicar, do devir redimensionado; pasado.
Non renego do inevitábel proceso de descolonizarme e regaleguizarme no propio.
Non renego das queimadas, das apestadas; nosa historia das mártires innombrables.


Négome a renegar...


*Ángel Amaro

lunes, 21 de abril de 2014

DESARRAIGO

Fora de sí,
alleas desarraigadas na propia Terra,
emigración identitaria sen moverse da casa,
xentes que aspiran e amagan,
persoas que pretenden e desacougan,
deshabitadas aos pouquiños e sen tregua.


Fora de sí,

castradas cultural e éticamente,
linguas decapitadas que fan barullo no idioma alleo,
desterradas por vontade propia, paso firme e sereo,
neourbanitas que se espantan das propias pegadas,
cyborgs desconectados, sempre sombra do que endexamais serán.


*Ángel Amaro

lunes, 24 de febrero de 2014

ESPERA

Co manto de bágoas fas fosos e trincheiras,
anacos de espazos ceibes, de múltiples inxerencias,
texido de dores, alleos ao sistema que os aliena,
parecen insertos nil, pero non paga a pena.
Resiliente inexperta que vive coas venas abertas,
ímpetu de naturalidade bárbara, non se torce ante o que veña.


Labrega de loito cotián e pano sempre esgotado,

silencios de rompelo día e actividade frenética pra non choralo,
pensamentos aturullados pola corte e a bodega medio aberta,
presentes pasados, andar polos futuros esnaquizados, 
sen poder remedialos xa habitan no eterno faiado,
asemella que esperas o que xa sabes, o que non é esperado.


*Ángel Amaro


lunes, 17 de febrero de 2014

DOS MIL RÍOS




Milleiros de membranas azuis tecen o macizo.
Eternamente cara A Guarda vai un sinfín de regateiras de caída.
Din que de costume chamas as que a parar miran.
Sacias sedes aos camiñantes, a morros beben as veces.
Hipnotizas amosándote escura e sen fondo sempre.

És fogar de fadas de auga doce e revoltosas termas.


Reguladores dos hábitats e dos microclimas.

Acaricias ribeiras e pasaus de canto lavado.
Empurraches pingas de ouro polas célticas cristalinas.
Agora das troitas non sabes boas, soo carpas aturdidas.


*Ángel Amaro

CAMIÑOS




Fío interxeracional que se reubica co tránsito.

Vellas pegadas da besta solitaria.
Pasiño de ida e preguiza de volta.
Sendeiros de herba segada.
Regueiro de roda torta.

Antergo camiño que sabe do proceso da roupa. 
Entre as silveiras resistes o paso da sesta morta.
Agarimoso tránsito entre a fonte e a horta.
De carretillas cicais sabes, das que se inclinan e volcan.
Camiñiño de entón, entre a ignorancia dos que non voltan.


*Ángel Amaro

martes, 4 de febrero de 2014

LOMBO ERGUIDO

Darante por aparvada e levada do demo,
confundirante pra ir a cidade ou interna nun asilo do crego,
dirán que andas tola e incapaz pra todo sostelo.
Asediarante os interesados polas touzas e eidos,
familia lexana e algún colega da emigración co morro direito,
a ver se de chiripa cae algo no cesto.


Corvos humáns que pra engaiolarte lles falta tempo.

Xentes ruíns que te ansían apagada,
vida a menos, enguruñada, mansiña.
Humáns de rapiña que se incomodan de ollarte activa.
Fan plegarias por unha pobre señoriña a cal manexar a xeito,
a que ver co lombo baixo, derrangada, rendíndose ante feitos.


Dona do chau e do rego sedento,

muller labrega que resistes soa como propietaria,
administradora de coidados e cabezas de vacún,
productora do pequeno e comerciante do preto.
Ciclo da vida que creaches por baixo e fora do teito,
a ninguén lle debes explicacións, favores ou lamentos.


Os de sempre botan contas sobre canto che faltará,

mentres resistes entre impostos, soedades e o vello lar.
Reduces ritmos, mais segues rutinas de erguer-soster.
Veste renovada e consciente do rol ante marea de ausentes,
refléxaste capaz e ainda imprescindible no ancián presente.
Labrega de lombo erguido ante ises corvos pasados por xente.


Corpo que fala de estigmas e cartografías de forquita e cesto,

Maus que narran espranzas, re/existencia e templanza na xiada.
Lombo que transmite sostén do micro e dignidade eterna vertical.


*Ángel Amaro

domingo, 2 de febrero de 2014

MUÍÑO

Roda de pedra fora do sitio.
Ladrillo vello e escombreira improvisada.
Tellado que foi, do que soo quedan as trabes.
Musgo que invade as paredes des/cubertas.
Restos de vidros afumados, de xanelas que da medo velas.
A ubicación e acceso intúense, mais descoñécese moito.


Silvas e hedras engarzan e moldean as pedras.

Amapolas as beiras e flor de toxo contemplando á falta de humidade.
Xestas como cabalos vanse vindo cara o pétreo enclave.
Os fentos xenerosos abrazan a fortificación de vella pedra.
O río, vido a menos, non trae ouro azul polo centenario desvío.
Xa non se fai pan, a roda non compre, as xentes mudaron o conto.


No seo do muíño o serrín e os anacos de madeira frearon a herba.

Silencio que doe nas orellas e che bate nas pernas.
Ollalo camiño de volta e imaxinas como serían esas tardeiras.
Sestas longas, moita conversa, traxín no río das lavandeiras.
Moer, muíños, muiñadas, muiñeiras.
Testemuña patrimonial da xénesis da danza identitaria.


*Ángel Amaro

viernes, 31 de enero de 2014

TÍ, MÁRTIR

A franxa azul celeste envolveu os teus rurais e populares latexos.
Guiácheste pola estreliña vermella e a Serea de longo cabelo.
A Fouce asumiches como digna bandeira dos tempos.


O Estatuto do 36 votaches con anceios postos nun mañán sen lamentos.

Habitáronte espranzas na gorxa, e mil berros ainda agochados no lombo sedento.
Derrumbácheste coa caída da Galiza e a obligatoriedade de alistarse as filas do Demo.


Tí, mártir que viches culatazos nas costas e o Miño de roxo sanguento.

Tí, mártir que sentiches medo nos montes e os choros nas espesas noites.


Tí, mártir mal enterrada, mutilada, afogada, aldraxada ...

... endexamais tí memoria esnaquicada e cuarteada.


*Ángel Amaro


jueves, 30 de enero de 2014

MAGOSTO DUN RAPARIGO CALQUERA

Noite longa de outono escuro.
Antesala do inverno e freno do agro.
Veciñanza arrexuntada alá no alto do outeiro.
Ensaios de danzas pra sorprendelas familias.
Parroquia encontrada por riba da igrexa.
Mesas de feira e talleiros pros cativos.
Manteis que non duran e ollos cegados polo churrasco.
Rapazas que sacan a pandeireta e avoas rabeando por sacarlla a elas.


A mocidade xoga a pintala cara con tizós templados.

Emporcallarse é a premisa e o obxetivo pra disfrutarte.
Enfría o criollo, mais a fame non está invitada.
Unha pulpeira pasa desapercibida entre a algarabía.
Mistura de mar e terra aorredor do lume e o pagano encontro.
Fogatas preguiceiras, feitas unhas doutras, regalando lapas.
Adultos coas caras quentes do mencía e da ledicia.
Meniños coas cariñas quentes dos tizós anegrados e pola noite vivida día.


Por algunha extraña razón o cura está perfectamente ubicado na mesa e no acto.

A miña mente de 10 anos non comprende, pero a vivencia desborda a razón dun neno.
As caras das xentes son un poema cando o párroco abanea o lume da Queimada.
O catolicismo e o castrexo mistúranse nunha comunidade extraña esa noite.
Cura en irmandade que espanta meigas pero se percebe como confidente.
Arrancan aturuxos, pícaras cantigas, a mesa regada polo augardente.
Magosto de comunidade e de sentimentos a centos. 
Bica, filloas, figos pasos, roscas e licor café. 
Maiores que entran en calor e perden o pé.
Iñorantes de que son ollados por alguén.


Lémbrote dende os recordos e as verbas das que te interpretan, do que me narran.

Iste vello raparigo leva 13 anos sen cheirar tizós na cara e brincar na fogata.
Tódolos anos me mandan fotos, dibuxan esceas, recrean feitos.
Pode que por iso te teña idealizado e sexa vítima dunha morriña larvada.
Por iso che digo. Magosto diste raparigo calquera que habitas en mín, 
¿ruxen igual os chourizos no papel de aluminio?
¿sabes se a pandeireta racha e atrona entre as castañas e os tizós dos cativos?
¿fanche agarimo os meus paisanos e velliños veciños?
¿bravas mulleres ainda te enchen de ditos, cantigas picaronas e muiñeiras improvisadas?


*Ángel Amaro

miércoles, 29 de enero de 2014

O CABACEIRO


De pedra herdada e tella do tempo.
Baleiro agora, agochando segredos.
Hórreo que no seo albergaches millo, garabanzos e fabas secas.
Portiña de madeira ben axeitada, pretendendo tocalo ceo.
Sosteste no alto contra a humidade, os ratos espabilados e o esquecemento.

Ao carón das pitas, case sempre facías de medio galiñeiro.
O teu ventre fixo de teito pro galo pillo e as pitas vellas.
Tamén albergaches trigo e facenda da aira.
Nos teus pequenos escalóns sentábanse as meniñas e as rapazas.
No vrau e nas sestas abrasadas dabas humidade e templanza.

Hórreo da memoria que pareces soberbio.
Moitos desfanse de tí e nin che dan proveito.
Algúns labregos que colleitan menos non te botan a perder.
Agora gardas sulfateiras, vasoiras de xesta e sacos de tecido vello.
¿Podes falar dos novos silencios que habitades e vos habitan?

Ainda que baixe o ritmo do agro, as túas xentes danche funcionalidade.
Ainda que cobixes a menos elementos, as túas xentes humanizante polo sentimento.

*Ángel Amaro

martes, 28 de enero de 2014

SEMENTES

Labrega.
Sostén do tarreo.
Cultura oral de sementar e colleita.
A mau do tempo selecciona e archiva vida.
Delicadeza estacional que separa e almacena.
Rutina de cortello ollada pola mocidade nas tardeiras.
Xentes labregas que sabedes de sementes e sementeira.


Labrega.

Sostén da horta.
Fardos de sementes de grelo.
Rotación de colleitas, abono e treguas.
Sabedoras de cabaza, millo novo e berzas repoleiras.
Almacenades memoria de coidados e técnicas de conserva.
Conscientes da biodiversidade e da xenuidade do antergo alimentar.


*Ángel Amaro

lunes, 27 de enero de 2014

SOÑOS

Pensamentos que xogateades na almofada.
Utopías que sabedes a berza fresca e cheirades a lameira rechovida.
Lembranzas xoguetonas que susurrades nas orellas.
Proxectos que pellizcades por riba do pescozo.
Soños. Doces soños que falades por baixo, preto do peito.
¿Anacos de fantasía que trasnoitades entre a saudade e a realidade?
Soños. Trastes soños que chorades por noites longas pra poder brincar.


Viaxo flotando entre o onte e o non se sabe.

Desfiando o tecido do camiño da vida.
Relendo e desfaguendo o pensado que non acouga.
Alimentando e insuflando soños de retorno e volta.
Segundas versións ilusionantes que habitades nas almofadas desveladas.
Penso, vexo reflexo, contrasto, aterrizo, esperto.
Érgome entre soños suados e misturas de migrañas e espranzas.


*Ángel Amaro


viernes, 24 de enero de 2014

ESTACIÓN

Macutos que falan de grelos e empanadas.
Bolos de pan que asoman entre sacos de papel.
Traxín de xentes que andan a desesperada.
Hora e media antes nas vías, esperando como se nada.
Avoíñas preocupadas pola merenda do tren, porque non che falte de nada.


Café de última hora e a TVG pequena ollada.

Captas esceas, intensos olores e pequenas semellanzas.
Mercas o diario do día como lembranza do día.
Mistura de viaxeiros e autóctonos deambulando mudos.
Ducias de despedidas, intúese costume, pero o corpo nunca se fai.


Billete relido, revisalo de novo, péchanse as entrañas.

Sempre o extraño estrangulamento interno.
Flotas, queres ser absorbido nunha cápsula, teletransportarte.
Obviar ise proceso, ises pequenos largos metros.
Mal trago de sempre, veste fora dentro, viaxe interno.


Macuto á espalda...



*Ángel Amaro

miércoles, 22 de enero de 2014

MIÑA ADEGA

Parede ennegrecida da fumeira dos chourizos.
Rastras vellas que nin cebolas reflexan.
Patacas saídas que nin serven pra sembra.
Pilo mollado pra pisalo vagazo.
Chan de pedra aberta, limpa e reflexa.
Vasoira de xesta ben direita onde a fiestra.
Montonciño de folla de millo, sementes de grelo e destartalada sulfateira.


Pías rotas que de porcos se lé nelas.

Puñado miudo de gramata e piñas secas.
Avelás pasadas, froito sobrado, noces de bágoa eterna.
Trabes negras e quente silencio que reina.
Tellas tensas que de movelas bailarían elas.
Culeiros volcados, furados polos ratos.
Paredes que sudan como regateira de area.
Pedras do río que falan dunha adega sempre aberta.


Porta que captas a rutina das labregas e lavandeiras.

Barricada que resgardas a memoria interxeracional e eterna.
Chave centenaria que morres entre a mágoa.
Carretillo vello que sabes de andainas.
Forquita e gadaña que esperades que prosiga a faena.
Sacos de tela que viron vendimia e boa sembra.
Parece un museo vivo, un cortocircuito no ritmo da aldea.


Por favor, refrescade e formade.

Por favor, elementos que habitades.
Contaime vellas historias de esta miña adega.
Empapaime de lembranzas e historias non tan alleas.

*Ángel Amaro