Mostrando entradas con la etiqueta Artigos de Ángel Amaro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Artigos de Ángel Amaro. Mostrar todas las entradas

lunes, 20 de octubre de 2014

"Exilio, retorno e espolio na crise-estafa", Ángel Amaro (2014)

Manifestación Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornad*s:
https://www.facebook.com/events/742367419167589/
Son emigrante, fillo de emigrantes e neto de emigrantes. Unha situación que -por desgraza- é moi cotián pra amplas capas da poboación galega. A maquinaria da doutrina do shock non cesa e mantén a raia a nosa autoestima, o noso autoconcepto e a nosa capacidade dialéctica pra poder ubicar e interrelacionar ben que está a pasar coa traxedia do exilio silenciado nesta crise-estafa. Estamos socializadas na precariedade e vulnerabilidade; interiorizamos dende ben cativas a posibilidade real e reiterada de ter que emigrar -o eterno fantasma que nos limita-. Niste sentido temos máis que asumido o drama da emigración como un feito inevitábel. Coido que sempre fumos educadas en que estamos diante unha plaga bíblica, unha maldición divina ou unha característica propia e intrínseca ao “carácter atlantista” -as veces até romantifican dende Madrid iste sentimentos atrofiados para manternos contemplativas e paralizadas-.
O feito é que o Estado español -e a súa ramificación tecnócrata parapetada na Xunta- empéñase en despolitizar a sangría migratoria, minimizar as consecuencias socioeconómicas e invisibilizar as causas políticas desta traxedia centenaria que azouta os piares da nosa existencia. Namentres o pobo galego segue o camiño do exilio, iles seguen a darnos altas doses de estereotipos folklorizados, prexuízos que nos infantilizan e monsergas revictimizadoras que nos fan languidecer no pesebre da morte doce -nesta nova Noite de Pedra versión soft que nos paraliza sen tregua-. Queren que non analizemos sociocríticamente a situación, que non rachemos co status quo que xenera xenerosas plusvalías ao réxime español.
Non esquezamos que se a nosa diáspora é unha das máis grandes do mundo non é pola “alma aventureira galega” ou pola necesidade de “internacionalizala galeguidade” (calcúlanse 11 millóns de almas espalladas polo mundo adiante). Queren desnortarnos e que vexamos desexábel e ventaxoso tanto exilio, pero, ¿cómo pretenden que romantifiquemos e gostemos de que o noso pobo se multiplique por catro máis aló das nosas fronteiras? ¿que se descapitaliza e teña unha morte doce e sixilosa o noso futuro? Ben saben o que fixeron e fan, por iso agochan iste drama social e nacional: véñennos con lerias e versións edulcoradas para agochala desfeita.
Vemos logo que a emigración -como proceso sociopolítico e fenómeno demográfico- é desdibuxado e simplificado, non falemos xa da negación da emigración que se da dentro dos límites administrativos do Estado -“desplazámonos internamente polo Reino”-. Redúcennos a un simple “dato inconexo" ou “estilos de vida específicos” sen trascendencia e ligazón ningunha. Unha cousificación despolitizada e consciente que fan baixo parámetros españois e individualistas para agochar unha análise crítica e seguir colonizándonos de xeito estrutural e sen tregua. En definitiva, sempre se negou que Galiza se materializa nun pobo-nazón, e como consecuencia diso, négase obviamente a realidade diferenciada de sermos unha emigración concreta e específica e, como non, a existencia dunha diáspora nacional. Todo encaixa coas teses asimilacionistas que intentan reducirnos a ser unha rexión ultraperiférica.
Tuteladas e infantilizadas, na Galiza sempre nos obrigaron a estaren a esperas das recetas que dende Madrid daba o réxime de turno -esa é a nosa historia recente e presente-. Nos anos 60 nosas avoas tiveron que exiliarse polas políticas ruralicidas e desarrollistas que nada bo trouxeron pro agro e os setores produtivos do país. A “emigración voluntaria” desa década baixou o paro no conxunto estatal e, por tanto, a presión demográfica que tiña o Estado franquista -o Reino alixeirou peso e axilizou os andares no proceso desarrollista-. Maltratouse institucionalmente a toda unha xeración co drama do exilio e o subseguinte desamparo. Agora, os netos dos culpábeis que ocupan o poder, maltratan unha segunda volta con máis saña a mesma xeración que agora está retornada na Galiza. O fío da historia eí está, as mesmas políticas españolistas que negaron o pan outrora son as mesmas que rouban as pensións e os aforros dagora. Os ruralicidas sempre nos ofreceron a emigración como única vía factible, ¿cómo van tratar ben agora as nosas maiores emigrantes e retornadas se sempre as ignoraron e as maltrataron?
O centralismo español -franquista ou tardofranquista- críanos entre os macutos baixo da cama e a imposibilidade de sentírmonos realizadas no noso país. Sementan fatalismo porque temen a pedagoxía popular e os procesos de concienciación nacional: por iso estigmatizan o nacionalismo galego e folklorizan/despolitizacn á diáspora galega -son conscientes do rol activo e determinante que chegou a ter-.
Os voceiros do Réxime non paran de relatar e redefinir o “feito migratorio”, lembrándonos en todo momento que, como pobo, non temos autodeterminación para traballar, producir e habitar na propia Terra. É un leimotiv que é estrutural na esencia españolista e se fixo patente dende sempre por parte de tódolos poderes que emanan do réxime capitalista-patriarcal. O Reino de España nega o noso direito a seren suxeitos activos na (re)construcción dos nosos relatos e narrativas nacionais, a vontade de escribiren dende o empoderamento, a boa análise e unha concepción emancipatoria -cousifícannos sendo emigrantes e retornadas-. Por esta razón empregan a violencia simbólica, policial, económica e mediática pra estigmar e criminalizar as nosas emigrantes aforradoras e retornadas.
Sen humanidade ningunha espallan difamacións e discursos cargados de odio nos que sentencian que as emigrantes non eran aforradoras (din que son inversoras) e, ademais, din que as nosas retornadas non eran traballadoras exiliadas (senón estafadoras, evasoras de capitais, “almas aventureiras”). Pero claro, non me extraña tanta indiferencia, inhumanidade e odio contra as nosas emigrantes retornadas: elas son as mozas que nos anos 60 foron negadas e expulsadas ao exilio. Primeiro roubáronlles os sonos, agora os aforros. Claro queda que exilio e espolio son dúas caras da mesma moeda neste rexime español, neste retorno que tanto molesta.

Publicado en Galicia Confidencial
Publicado en Sermos Galiza

jueves, 9 de octubre de 2014

"Diáspora Nacional: Matria e Galiza Exterior", Ángel Amaro (2013)


No cotiá fálase da diáspora pra referirse a “dispersión de grupos étnicos ou relixiosos que abandoaron o seu lugar de procedencia orixinaria e que se encontran espallados polo mundo, vivindo entre persoas que non son da súa condición”. Xeralmente sempre se ven falando da “diáspora xudía”, debido a condición errante forzada (e por tanto nómada) que tiña iste pobo; unha característica tamén extensible a outros pobos que tamén teñen condición diaspórica: “diáspora afrodescendente na América Latina”, “diásporas tribais africanas”, etc.

A Real Academia Galega apunta o seguinte sobre a Diáspora no seu diccionario virtual: “Dispersión que sofre unha etnia, pobo ou comunidade, por motivos políticos, relixiosos, etc.” Pobo ou Comunidade que, ainda sen ser recoñecida como Estado ou País soberano, sempre foi un pobo histórico antropolóxicamente estable e homoxéneo. Iste é o caso do pobo galego que, por motivos políticos e económicos, sempre contou cunha emigración larvada e estructural que foise convertendo en regueiro interxeracional ao cabo de centos de anos. Unha emigración de xentes que comparten un espazo orixinario cheo de significantes que nunca se esquecerá en destiño (ex. morriña ou saudade) e sempre estará en constante reelaboración e resignificación.
Actualmente, no eido académico e sociopolítico, fálase de diáspora pra referirse a situación actual dos pobos orixinarios (ex. maias, mapuches, etc.) exiliados alén dos seus espazos xeográficos propios; pra referirse a tribus/comunidades étnicas migradas por vontades alleas e conflictos externos (principalmente en África e Asia); e como non, tamén se fala de diáspora pra referirmos aos pobos que históricamente teñen unha comunidade emigrante estructuralmente relevante (emigración histórica e interxeneracional) e que mantén fortes lazos culturais estables (lingua, folklore, etc.) co lugar de procedencia orixinaria. Niste sentido, dende fai décadas vense falando da diáspora vasca, a diáspora catalana ou a diáspora galega. Cando estamos a falar da diáspora dun país ou dunha diáspora nacional en concreto, non hai que pensar só no conxunto numérico da emigración, no fluxo migratorio en cifras ou na emigración como fenómeno limitado e desligado da comunidade de orixe. O concepto de Diáspora inclúe significados e significantes, procesos entrelazados, reapropiacións dos suxeitos políticos migrantes (non obxetos apolíticos), unha cosmovisión compartida, herdada e reconstruida en constante proceso de construcción/deconstrucción. Analizando a demografía do pobo galego, concretamente os fluxos migratorios, vemos como dende o século XIX o fenómeno da emigración vaise facendo máis estructural a medida que remata o século XIX. Xeración tras xeración vaise vendo un incremento paulatino das persoas que emigran, vaise extendendo iste fenómeno as catro provincias do país, e pouco a pouco, vanse diversificando os países de destiño. Comeza o século XX e a diáspora xa ten vida propia tanto no plano ideolóxico como no espiritual. Poemas e narrativa sobre a diáspora galega que son cohetáneos ao Rexurdimento do XIX. ¿é azar? O certo é a sangría migratoria tamén fai que se poñan en valor os pilares básicos da cultura galega, tómase conciencia histórica de seu.

¿Que é o relevante nistes fluxos migratorios do século XIX que constitúen a Diáspora Galega?

En primeiro lugar, no eido económico, hai que resaltar que as persoas emigrantes fano por un contexto sociopolítico e económico concreto, cunhas características estructurais e impostas que fan estructural un paro histórico na Galiza: falta de autogoberno e soberanía pra autoorganizar a economía galega, paro estructural larvado sen políticas públicas concretas, ausencia de infraestructuras e plans de modernización das economías locaias, centralismo españolista e ausencia de investimento público en benestar social e nos entornos rurais. 
A emigración non se dá por motivos individuais, senon sociopolíticos e económicos sociais. Ainda que a decisión última de emigrar a partir do século XIX é “voluntaria”; non o é a reflexión previa e a proxecto migratorio que cada familia se ve na necesidade de por en marcha. Proba diso son as constantes remesas que se enviaban á Galiza Interior coa finalidade de incrementar o capital familiar en orixe (viñas, eidos, tarreos, produtos básicos, etc.) Non se tratou, en xeral, dunha emigración individualizada; senon todo o contrario, foi unha emigración socializada xa que na persoa emigrante depositábase a responsabilidade de poder desenrolar espranzas e proxectos de tódalas persoas do fogar. Niste sentido, o vínculo económico foi sempre moi intenso e estable entre o páis e alén.
Emerxe con forza diste xeito a Galiza Exterior: man de obra asalariada no exterior que ten unha unión forte coa Galiza Interior, “non están nin acá nin alá”. Mais estas dúas Galizas conforman unha soa.
En segundo lugar, no eido social, hai que resaltar que froito desta emigración socializada tamén se orixina unha vida cotián socializada na Galiza Interior e na Galiza Exterior. 

Na Galiza Interior as familias das persoas emigrantes estreitan lazos, as veces len cartas en común, o coidado de cativas/os e dependentes tamén se socializada recaendo sempre nas mulleres das aldeas, fanse amizades estables froito da emigración dos maridos e fillos, compártense en orixe inquedanzas e practícase o apoio mutuo, etc. Na Galiza Exterior as persoas emigrantes tecen redes de solidariedade, coidados e amizade; comparten malestares froito da vida cotiá en destiño e da vida orixinaria na Galiza Interior. E eiquí cando se pode falar de Diáspora Nacional. Emigración homoxénea antropolóxica e sociolóxicamente falando que comparte un orixe común, uns sentimentos compartidos/descifrables e unha idea (realizable ou non, máis ou menos intensa) de tornar a Galiza Interior nalgún momento da vida (eterno retorno imaxinario a orixe).

En terceiro lugar, no eido cultural e identitario; as persoas emigrantes crean Centros Galegos e usan como lingua vehicular o galego, fan quedadas gastronómicas e culturais, comparten sentimentos de morriña e saudade, xeran estruturas educativas pra ensinalo galego a mocidade da emigración, forman grupos de música e danza, editan revistas en galego, constrúen simbolismo e cultura galega que tamén será asumida como propia e xenuina na Galiza Interior, etc. Estamos por tanto ante unha diáspora histórica e situada, diversa e universal. Unha cosmoloxía de comunidades espalladas alén do país que comparten unha serie de símbolos, referentes, pasado común, etc. A diáspora galega é un fenómeno sociopolítico e cultural complexo que precisa de moita socioloxía e antropoloxía, dunha perspectiva e reflexión crítica e, como non, dun amplo debate sociopolítico con tódolos axentes sociais da Galiza Interior e da Galiza Exterior.

As mulleres nistes tres eidos dos fluxos migratorios (económico, social e cultural/identitario) e da diáspora teñen un papel relevante e crucial tanto na Galiza Interior como na Galiza Exterior; un papel histórico na vertebración da Diáspora Galega. Son as coidadoras en orixe e destiño, as portadoras da memoria colectiva, os referentes culturais e históricos da emigración, as aforradoras e as administradoras, as que limpan bágoas e rebaixan as mágoas, as que fan doble e triple xornada laboral eiquí e elí, as que máis sofren porque na emigración do XIX solo partían os homes, as que sostiñan fogares, as que lembraban danzas e letras das cantareiras, as narradoras de lendas e contos antergos... a Galiza Nai, a Matria. 

Vemos por tanto que (a pesar de anos e décadas fora de país) as galegas e galegos migrantes tamén compartimos esa Matria que se enraiza e xermina na Galiza Interior, tecemos lazos culturais en torno a Galiza Nai e temos como referencia cultural e identitaria a cultura compartida, a Matria: somos a Diáspora Nacional Galega.

Son tempos de matriotismo social e diáspora activa
Son tempos de soberanía nacional 

Publicado en SERMOS GALIZA

"Da utopía á acción: a necesidade dun paulatino éxodo urbano", Ángel Amaro (2014)

O FMI e o Banco Mundial sempre azuzaron e argumentaron a prol da imprescindible necesidade de urbanizalas poboacións: edificios grandes, barrios grandes, cidades grandes, sociedades grandes... Falocracia urbanística e acumulativa do capital patriarcal que aspira a asfaltalas nosas vidas e invadirnos con cemento. Ise é o mandato globalizador que vende progreso misturado cun urbanismo salvaxe.
Estamos ante unha obsesión ultraliberal enfermiza que non é nova, ben certo é que se agudizan dende a Guerra Fría os eixos de actuación orientados a poñelo acento en descapitalizalos territorios (expropiación dos recursos naturais, asfixia dos saberes locais, transxénicos, etc.), privatizalos servizos públicos básicos (educación, sanidade, pensións, políticas activas de emprego, etc.) e precarizala vida cotián das clases populares (salarios, dignidade, benestar, etc.). En definitiva, privatizar a esfera do doméstico e do cotián, o alimento e as condicións ecolóxicas que garantizan un mínimo nivel de benestar, obviar os ciclos ecolóxicos e darlle a espalda a ecosostenibilidade.
Diste xeito, a principal misión do capitalismo patriarcal é re/matar cos entornos rurais (éxodo rural e descapitalización de sectores produtivos estratéxicos) para que as clases populares se concentren ao redor dos grandes núcleos urbáns (incremento do exército de reserva, mau de obra barata máis mansa, dependencia total pra subsistir, maior facilidade para o adoutrinamento, videovixilancia e control dos corpos, etc.)
Esta misión estructural do capitalismo patriarcal non podería implementarse se non é grazas a un conxunto de doutrinas, teorías, lobbies, micropolíticas e resortes neoliberais que habitan no seo das institucións internacionais artellando e expandindo un proceso homoxeneizante no económico, sociopolítico e cultural: unha globalización urbanita e ecocida. Iste clasismo urbanita tacha á ruralidade de anacoreta, desfasada e retrasada para a modernidade da humanidade, por iso se invaden - con total impunidade - pobos e territorios para descohesionar, cercar, recolonizar, explotar e despoboar.
Esta globalización urbanita nunca deixou de replicar nos países do Norte e recolonizar nos países do Sur, vendendo a idea de que o horizonte para as potencias emerxentes está en expulsar a poboación rural das aldeas, desplazar as comunidades orixinarias e indíxenas de valles e espazos milenarios, malvender a auga e os recursos fósiles, contaminar os montes e rematar coa soberanía alimentaria da agricultura e a gandería ecosostible. Todo un sinfín de políticas da morte desligadas do territorio, dos coidados e da vida; unha axenda globalizadora que socializa a contaminación e a débeda da banca, apoleirada de maneira soberbia nas estadísticas e os macrodatos.
Esquecen por tanto as micropolíticas do cotián, os coidados da vida e da terra, as maus que tecen as relacións sociais e alimentando a infancia e a xuventude. Ben sabemos que o PIB non contempla o valor da biodiversidade, o patrimonio cultural, os coidados, a soberanía alimentar, o benestar dos pobos e a paz... pero tampouco recoñece (nin calcula) a pérdida da ruralidade, a desaparición das economías locais e as súas implicacións, o patrimonio rural, o éxodo rural, as consecuencias da descapitalización dos entornos rurais... O capitalismo patriarcal fai a vista gorda e pasa do asunto. Todo parece indicar que o único obxectivo é que as clases populares que antes habitaban no rural e non dependían dos vaivenes dos mercados, agora sexan sangría migratoria que habite no extrarradio de cidades insostíbeis pra malvivir por debaixo do umbral da dignidade, habitabilidade e benestar.
Actualmente estamos a vivir procesos de despoboación histórica dos entornos rurais, procesos demográficos de grande calado que se esquecen nas ciencias sociais e non alarman o que deberían a sociólogas/os e ministerios. Unha realidade crecente e alarmante que ata os propios organismos internacionais anuncian entre a perplexidade e certa cautela. Dende o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA) vense afirmando que para o 2030 o 60.8% da poboación mundial residirá nas cidades e entornos urbanos (extrarradios, poboamentos satélites das grandes cidades, etc.) Unha taxa moi elevada que non fixo máis que subir a partir de 1975 (37.3%), faguendo latente un fenómeno demográfico e sociopolítico que reflexa unha grande concentración poboacional urbana , grazas sobre todo a axenda económica do Banco Mundial e das políticas neoliberais que propician e aplauden iste procesos descapitalizadores.
Estamos sen dúbida ante datos alarmantes que aínda son máis catastrofistas se ollamos investigacións recentes do Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU (DESA), as cales afirman que “a poboación urbana mundial incrementarase nun 75% ao 2050”. 

E ben, continúa evolucionando e larvándose a sangría demográfica, sociopolítica, económica e cultural ante a atenta mirada dos actores sociais cómplices do colapso. Non para de sacralizarse como óptimo o incremento constante da Taxa de Urbanización (“índice demográfico que expresa a relación porcentual entre a poboación urbana e a poboación total dun estado”). O capitalismo patriarcal afirma que canta máis poboación urbana equivale e implica maior nivel de desenvolvemento. ¿Ecuación obxetiva e inocente? ¿Máis desenvolvemento pra quen?
As políticas ultraliberais que fixeron do éxodo rural un estandarte sociopolítico vense desbordadas a hora de garantir un espazo habitable e unha vida digna para as desherdadas e desherdados que chegan aos extrarradios das grandes cidades. Esgótanse as excusas, esgótanse as fórmulas de fumo e os contos da globalización urbanita.
A situación de colapso demográfico é dramática: desprazadas/os por falta de auga, políticas agrícolas nefastas, privatización das sementes pola usura das multinacionais, asfixia das escolas rurais, desempregadas/os pola introducción de transxénicos, marxinación de saberes locais e culturas propias, gandeiras/os sen terreos pola avaricia das hidroeléctricas, agricultoras/es sen espazo físico polo cerco dos lumes e as industrias papeleiras, mozas/os en paro nas aldeas pola ausencia de políticas activas de cohesión e dinamización do rural, mulleres sabedoras e coidadoras sen unha vida digna, cooperativas asfixiadas pola administración que as ignora, ausencia de servizos públicos nos pequenos núcleos poboacionais, etc. Pero claro, a cidadanía consciente diste proceso de descapitalización do rural ten moitos roles claves para poder exercer; tanto na maneira de habitar, consumir, producir, traballar, desprazarse e relacionarse. O certo é que hai moitas maneiras de faguer micropolíticas dende o cotián pra sumar forzas ao paulatino éxodo urbano que ten que vir, pra reequilibrar tales despropósitos producidos por unha economía artificial que non está ao servizo dos pobos e das persoas: das necesidades reais das clases populares e dos ciclos ecolóxicos da vida.
A idea dun grande éxodo urbano como proceso global e interxeracional cicais é moi ambicioso e complexo a corto prazo (polas propias condicións sociopolíticas e económicas que xenerou a propia globalización urbanita); pero o certo é que a longo prazo é máis que necesario e desexábel. Un despoboamento progresivo e estructural das cidades. Menos urbanidade e máis ruralidade/s.
Ao mesmo tempo é crucial seguir profundizando na transmisión a infancia e a xuventude da relevancia do ecoloxismo social, recuperala soberanía plena nos procesos de producción-consumo, desestigmatizar os prexuízos que recaen sobre a ruralidade, reinventalos tempos e ciclos horarios, recuperalo patrimonio antropolóxico e ecolóxico, a urxencia de abordalo ecofeminismo e acadala igualdade real nos entornos rurais, dinamizar cooperativas e proxectos de soberanía alimentar, desfeminizalos coidados, habitar en pequenos núcleos poboacionais, reinventalo activismo ecoloxista e a participación política, potenciar o comercio local, tecer redes de apoio mutuo e coidados compartidos, millorar a calidade de vida das persoas maiores no rural, etc...
Un grande desafío, pero temos moitas ferramentas nas nosas maus. Micropolíticas alternativas ante esta globalización urbanita e ecocida que soo busca faguer residual e inhabitable o rural a costa de asfixiar o contexto ecolóxico.

¿Imos aceptar que se negue o direito a cultivar, crear, coidar, producir e habitar?
¿Imos quedar alienadas/os mentres se continúa a negar o direito a decidir e existir?

Publicado en GALICIA CONFIDENCIAL

"Ecocidio e soberanía ecolóxica", Ángel Amaro (2013)

O fenómeno dos lumes na Galiza non é máis ca punta de lanza dun iceberg que non se ve: un proceso histórico de crise ecolóxica larvada e non asumida polos gobernos de turno de xeito adecuado. Unha crise estructural e sistémica de carácter ecolóxica, política e económica; un proceso latente e continuado no tempo agudizado pola globalización, o monocultivo económico e o éxodo rural.

Nos anos 60 anunciábase a tan aplaudida “modernización do campo” e as administracións públicas evitaban o éxodo rural e a pauperización da agricultura e a gandería; soo importaban as cidades e a construcción salvaxe. Non importaba a soberanía ecolóxica e alimentaria non importaba o abandono dos montes e a terra de todas e todos. Actualmente fálase moito de apagar lumes e “chamar a mobilización cidadá pra denunciar aos pirómanos”; pero detrás de todo isto o único que hai é un interese político por despolitizar (conscientemente) o contexto de crise ecolóxica onde prolifera o fenómeno dos lumes; onde se fai negocio cos lumes e coas reforestacións. Estamos por tanto nun esceario sociopolítico complexo que sostén o ecocidio nos entornos rurais e montes galegos porque ao capitalismo salvaxe lle convén. Vemos logo que falta vontade política, e sobre todo, vontade de deixar de despolitizar o fenómeno do ecocidio nos montes. Hai moito interese en presentar os lumes como feitos aillados que son “inevitables” e se circuncriben a actos puntuais de pirómanos determinados.
Certo é que... non hai medidas ambiciosas e ben programadas que atraigan a xuventude aos entornos rurais; non se incentiva a limpeza dos montes; non se invirte o suficiente en educación medioambiental e programas sectoriais de sensibilización; non hai programas específicos de axudas anuais pra dinamización sectorial de proxectos I+D+i nas aldeas e vilas; non hai un Plan Galego contra o lume que teña xeito, invirta adecuadamente en medios técnicos contra o lume e investigue as causas ata o fondo; non hai un Plan Galego pola Reforestación das Zonas Afectadas.
Obviando un programa amplo e ambicioso no eido da política ecolóxica estamos observando como falta que abra un proceso democrático de empoderamento para a clase labrega e gandeira; un proceso democrático e radical (porque vai a raíz da situación) que busque artellar un plano de interlocución horizontal co movemento ecoloxista, coas asociacións locais e de Comuneiras/os e coas cooperativas. En definitiva, co texido sociopolítico que ten (o debería ter) un papel activo e de suxeito político comprometido coa soberanía ecolóxida da Galiza.
Niste sentido compre redimensionar o papel das/os Comuneiras/os que administran as terras mancomunadas (terras parroquias que son da veciñanza) Dar unha saída a financiación sostible e biodiversa desas organizacións e garantir unha administración adecuada dos montes; garantir e asegurarse de que se reforesta, e de que se reforesta dun xeito adecuado. Pero claro, ¿hai interese en coller iste camiño ambicioso e abrir iste novo proceso sociopolítico? Todo parece indicar que a Xunta non está pola laboura; nonquere asumir que o contexto é de crise sociopolítica e ecolóxica dende fai décadas. Non quere asumir que os municipios, as comarcas e as provincias han de ter que poñerse mans a obra pra mudar as tornas.
  • Ecocidio en cifras: Entre o 3 e o 15 de agosto de 2006 o pobo galego padeceu un dos peores episodios do ecocidio na Galiza (pode que soo superado pola catástrofe do Prestige).No 2006 máis de 1970 lumes espallados por terras galegas calcinaron máis de 90.000 hectáreas de monte. Dato alarmante que ano tras ano sitúa a Galiza como unha das rexións que máis lumes rexistra no estado (aorredor do 50% dos lumes que se producen no estado teñen lugar en terra galega).
Estamos ante as cifras alarmantes dun ecocidio salvaxe que hai que ver con perspectiva global. O fenómeno dos lumes sostido no tempo vai parexo ao incremento da reforestación con eucaliptus (a producción de madeira de eucalipto en Galiza representa o 40% da producción española, é decir 1.280.000 m3 o ano”)e ós beneficios das industrias madereiras que cada vez cotizan millor nas bolsas a celulosa dos eucaliptus. A ecuación de “Máis Lumes = Máis Negocios” parece ser que está de sobra contrastada e debatida en foros académicos, xornalísticos e asociativos.
Na Galiza, lonxe de reforestar os montes calcinados con especies autóctonas, (carballo, castiñeiro, etc.) estase consentindo (coa apatía da Xunta) que o eucaliptus se convirta na árbore predominante nos montes galegos. Un exemplo desta “paixón eucaliptofílica” témolo no titular que saltou os medios galegos o 28 de marzo de 2011: “ Galiza plantará esta primaveira 30 millóns de eucaliptus. É o maior boom da especie en 25 anos, polo seu prezo e a crise do piñeiro”. ¿É que dí a Xunta ao respecto? Nadiña. Todo parece indicar (a vista dos numerosos estudos e informes do movemento ecoloxista) que hai certas minorías oligopolísticas que están a facer o agosto, dun xeito directo ou indirecto, con esto dos lumes.

Expertas e expertos en ecoloxía e o movemento ecoloxista afirma rotundamente que estamos ante “un boom sen precedentes nas últimas décadas do eucaliptus que obedece a cotización internacional da pasta do eucaliptus para o papel (con bos prezos pra esta madeira e bos negocios pra Bolsas) e a decadencia do piñeiro como árbore a comercializar”.
E claro... ¿cómo se pode falar de querer loitar contra o lume se non se erradica o ecocido que supón a explotación capitalista dos montes galegos? ¿cómo se pode falar de querer loitar contra o lume se non se reforestan os montes dunha maneira axeitada evitando a pérdida de biodiversidade e de calidade do chan?
Ben sabe a comunidade científica que o eucaliptus é unha árbore que non é garante da biodiversidade, mais ben todo o contrario. É unha árbore perennifolio de gran desenrrolo que che ata os 60-70m de altura e, ocasionalmente aos 90m. Con diámetros de 1-2m, con follas aromáticas.
Entón... ¿Alguén pode afirmar que a sombra dun eucaliptus haxa xabaríns ou corzos? ¿Alguén pode afirmar que os esquíos suben polos eucaliptus e atopan neles alimento? ¿Alguén pode afirmar que a alfombra de follas perennes que ao seu arredor fai o eucaliptus permite o nacemento de fentos, xestas, herbas autóctonas ou albergan refuxio para as lebres e os zorros? Todo parece indicar que a raíz da cuestión non está tanto no lume en sí senón na crise ecolóxica que están atravesando dende fai décadas os montes galegos; unha crise ecolóxica que fomenta e permite negocios suculentos a raiz dos lumes.
A soberanía ecolóxica e a soberanía alimentaria son duas patas fundamentais dos entornos rurais sobre as que xira o mantenemento da vida e o futuro da biodiversidade galega; sobre as que xira o futuro duns montes vivos, biodiversos e sostíbeis que pertenzan ao pobo e sexan a identidade cultural compartida. Soo atendendo cun programa ambicioso e ecoloxista esta crise ecolóxica e sociopolítica dos montes galegos se conseguirán evitar os lumes, a reforestación monocultivista e a pauperización dos entornos rurais.

Publicado en GALICIA CONFIDENCIAL

"Adeus ríos, adeus futuro...", Ángel Amaro (2011)

Falar da cultura galega sen ter en conta os ríos é ser un cínico. Dende sempre cóntanse lendas sobre rapaces afogados nas pozas, lavandeiras místicas que lavan roupa branca nas regateiras ou mulleres que tras a matanza van coas tripas ao río. A relación da cultura galega cos ríos é especialmente intensa sobre todo no caso dos muíños, contando a tradición popular que as muñeiras naceron mentres se esperaba que se moera o produto.
Hoxe en día co cambio climático a principal muda que experimentan os nosos ríos é a redución do caudal. Máis non é este o principal problema dos ríos. Dende hai poucas décadas, grazas ao progresismo e o abandono do campo, numerosas canalizacións fecais de vivendas, fábricas e edificios de dominio público van dar aos ríos ante a atenta mirada de veciños que se ven rodeados de ríos que feden e baixan ennegrecidos.
Pensando que a forza da auga é recicladora fóronse botando augas fecais e merda de todo tipo aos ríos transparentes onde habitan as troitas, entre outros seres vivos. En vez de augas limpas que invitan á pesca ou ó baño moitas veces vémonos rodeados de regateiras negras que feden que apestan. ¡Deus te libre denunciar isto! Dise que esta é a mellor solución para seguir co desenvolvemento da vila, non vou dar nomes.
O río non se ve como un elemento vivo compartido por todos senón como o WC onde van parar todas as miserias dunha sociedade que atenta lentamente contra a fonte da vida: a auga que garante o noso futuro.
Por se fose pouco a redución do caudal e a contaminación fecal dos ríos, contamos tamén coas empresas hidroeléctricas e a súa política hidrográfica. En nome do benestar común érguense como ONG"s e gobernan nos nosos ríos como lles sae de aí. Non pasa nada se o río Sil baixa cinco metros de caudal ou se baleiras presas, somos demasiado parvos para entender sobre o funcionamento de todo isto.
Cun pouco de sorte, a vila de quenda consegue fondos Feder da Unión Europea para rehabilitar unha presa e transformala en lago artificial. ¡Que non nos chamen antiecoloxistas! O proxecto multimillonario tapará algún que outro buratiño e de paso os terroristas do paisaxe alivian as conciencias. Que ben, os domingos á tarde podemos ir ao lago e fantasear con que pescamos nun río idílico e soñar con que veñen as troitas. ¡Canta hipocrisía!. 
Publicado en GALICIA HOXE

"As illas da esperanza", Ángel Amaro (2011)

http://galiciamedioambiente.wordpress.com/category/
conservacion-da-natureza/parque-nacional-illas-atlanticas/
Numerosas son as lendas que se contan das infinitas illas que bordean toda a costa galega. Historias que falan de celtas, romanos, viquingos e corsarios. Misticismo, monstros mariños e personaxes míticos protagonizan fazañas e afianzan un paganismo autóctono herdanza dos nosos anceios.

E é que a relación da cultura galega coas illas sempre foi moi intensa. As Illas Atlánticas son un claro exemplo de todo isto, consideradas sempre unhas das perlas do Atlántico son tratadas como anacos de maxia que albergan historia e cultura popular. Dende a antigüidade moitos foron os motivos que atraeron visitantes a estas illas. Os romanos buscaban estaño, os viquingos usábanas de trincheira e os especuladores argallaban faguer adosados. Cada un polo seu motivo tiña intereses neste tesouro situado fronte ás Rías Baixas, emblemáticas xoias que queren falar pero non poden.
Conforme o ser humano mellora a capacidade de destrución do medio natural vanse mellorando as técnicas para danar o ecosistema e dominalo; dende o século XX as illas de Ons e Sálvora eran privadas, pensadas como espazo de recreo para o clero ou as rentas altas o pobo escoitaba lendas de illas que non lle pertencían. Exemplo diso é a illa de Cortegada, dada como agasallo a Alfonso XIII. Lonxe de velo como unha perda vese como ganancia xa que pensábase que cicais así fixaba elí a súa residencia de verán en vez de no Palacio da Magdalena (Santander), soño que fracasou.
Sen chegar a entender este estado de cousas tivemos que asistir con perplexidade ao 2007 máis surrealista, ano no que a Xunta por fin puido mercar a illa de Cortegada polo módico prezo de 1,8 millóns de euros. Pensabamos que eramos donos do noso e moitas das nosas illas eran reservas naturais que desfrutaban persoas concretas, xentes con illas VIPS. Castigadas pola corrupción tamén foron azoutadas polo Prestige, atacando a biodiversidade destas illas moitos especuladores que negociaban con elas permitiron empobrecelas un pouco máis.
A Illa de Cortegada, icono contra a especulación, a de San Simón da guerra civil, as Cíes da catástrofe do Prestige... para que logo digan que só son anacos de terra sen máis ou asuntos sen transcendencia. Sigamos defendendo a soberanía das illas galegas e consolidaremos a democracia. Exercicio cidadán que vertebra a un pobo..
Publicado en GALICIA HOXE

"A porta de Europa", Ángel Amaro (2010)



Dende hai algúns anos tense falado da necesidade da cohesión dun espazo europeo onde os vellos estados do continente superen diverxencias e compartan un contexto económico terciarizado e mais un contexto político común.

Unha metáfora deste proceso ten sido a do tren europeo. Unha locomotora garante da súa seguridade e viabilidade, progreso a cambio de aperturismo e de superación do proteccionismo estatal. Unha gran maioría dos estados do vello continente fóronse sumando á idea do tren europeo a todo meter, ninguén quere ser un nugallán.
Pero chegou unha crise estrutural do sistema económico e con ela un cambio no paradigma, ou unha reformulación das condicións económicas polo menos. O descarrilamento arrasou con sectores económicos rexionais o seu paso, a globalización incrementou a interdependencia e a crise agudízase nas sempre agonizantes economías locais, pouco produtivas segundo os maquinistas.
tren europeo rachou máis que portas ó seu paso, que llelo pregunten por exemplo ós que traballan no sector lácteo. Agora só din que o problema foi que había portas de máis, será que faltaba máis globalización, será que aínda non nos modernizamos nestas terras. O caso é que ninguén se quere facer responsable da desfeita que se cometeu. Iso si, sábese ben a conta de quen se vai arranxar.
As tan soadas axudas e fondos europeos (véxase a Política Agraria Comunitaria) garantes do dinamismo das rexións locais, nin se cheiran por estas terras. Meteu a man no peto quen non debía e agora os agricultores, gandeiros e pescadores galegos asubían de cara a Bruxelas a velas vir namentres as aldeas se abandonan, os montes énchense de toxos e de xestas e increméntanse os riscos de incendio.
Futuro incerto neste pequeno recuncho do noroeste peninsular onde a pauperización no campo é crecente. Reventáronse as portas do medio rural para liberalizalo e agora recóllese éxodo rural a cachón. Ás terras galegas non chegaron os ventos da embriaguez europeísta, soamente se recollerán as consecuencias do descarrilamento ferroviario: menos fondos e axudas das que había.
Mantéñense portas en pé, pero son as das casas e vellos cortellos das aldeas galegas. Portas enferruxadas e tamén europeas, á espera de que alguén as vexa e se apiade delas. Quizabes un Plan Urbanístico promove chalés arrimados como substituto dos grelos e das verzas. 
Publicado en GALICIA HOXE