jueves, 9 de octubre de 2014

"Ecocidio e soberanía ecolóxica", Ángel Amaro (2013)

O fenómeno dos lumes na Galiza non é máis ca punta de lanza dun iceberg que non se ve: un proceso histórico de crise ecolóxica larvada e non asumida polos gobernos de turno de xeito adecuado. Unha crise estructural e sistémica de carácter ecolóxica, política e económica; un proceso latente e continuado no tempo agudizado pola globalización, o monocultivo económico e o éxodo rural.

Nos anos 60 anunciábase a tan aplaudida “modernización do campo” e as administracións públicas evitaban o éxodo rural e a pauperización da agricultura e a gandería; soo importaban as cidades e a construcción salvaxe. Non importaba a soberanía ecolóxica e alimentaria non importaba o abandono dos montes e a terra de todas e todos. Actualmente fálase moito de apagar lumes e “chamar a mobilización cidadá pra denunciar aos pirómanos”; pero detrás de todo isto o único que hai é un interese político por despolitizar (conscientemente) o contexto de crise ecolóxica onde prolifera o fenómeno dos lumes; onde se fai negocio cos lumes e coas reforestacións. Estamos por tanto nun esceario sociopolítico complexo que sostén o ecocidio nos entornos rurais e montes galegos porque ao capitalismo salvaxe lle convén. Vemos logo que falta vontade política, e sobre todo, vontade de deixar de despolitizar o fenómeno do ecocidio nos montes. Hai moito interese en presentar os lumes como feitos aillados que son “inevitables” e se circuncriben a actos puntuais de pirómanos determinados.
Certo é que... non hai medidas ambiciosas e ben programadas que atraigan a xuventude aos entornos rurais; non se incentiva a limpeza dos montes; non se invirte o suficiente en educación medioambiental e programas sectoriais de sensibilización; non hai programas específicos de axudas anuais pra dinamización sectorial de proxectos I+D+i nas aldeas e vilas; non hai un Plan Galego contra o lume que teña xeito, invirta adecuadamente en medios técnicos contra o lume e investigue as causas ata o fondo; non hai un Plan Galego pola Reforestación das Zonas Afectadas.
Obviando un programa amplo e ambicioso no eido da política ecolóxica estamos observando como falta que abra un proceso democrático de empoderamento para a clase labrega e gandeira; un proceso democrático e radical (porque vai a raíz da situación) que busque artellar un plano de interlocución horizontal co movemento ecoloxista, coas asociacións locais e de Comuneiras/os e coas cooperativas. En definitiva, co texido sociopolítico que ten (o debería ter) un papel activo e de suxeito político comprometido coa soberanía ecolóxida da Galiza.
Niste sentido compre redimensionar o papel das/os Comuneiras/os que administran as terras mancomunadas (terras parroquias que son da veciñanza) Dar unha saída a financiación sostible e biodiversa desas organizacións e garantir unha administración adecuada dos montes; garantir e asegurarse de que se reforesta, e de que se reforesta dun xeito adecuado. Pero claro, ¿hai interese en coller iste camiño ambicioso e abrir iste novo proceso sociopolítico? Todo parece indicar que a Xunta non está pola laboura; nonquere asumir que o contexto é de crise sociopolítica e ecolóxica dende fai décadas. Non quere asumir que os municipios, as comarcas e as provincias han de ter que poñerse mans a obra pra mudar as tornas.
  • Ecocidio en cifras: Entre o 3 e o 15 de agosto de 2006 o pobo galego padeceu un dos peores episodios do ecocidio na Galiza (pode que soo superado pola catástrofe do Prestige).No 2006 máis de 1970 lumes espallados por terras galegas calcinaron máis de 90.000 hectáreas de monte. Dato alarmante que ano tras ano sitúa a Galiza como unha das rexións que máis lumes rexistra no estado (aorredor do 50% dos lumes que se producen no estado teñen lugar en terra galega).
Estamos ante as cifras alarmantes dun ecocidio salvaxe que hai que ver con perspectiva global. O fenómeno dos lumes sostido no tempo vai parexo ao incremento da reforestación con eucaliptus (a producción de madeira de eucalipto en Galiza representa o 40% da producción española, é decir 1.280.000 m3 o ano”)e ós beneficios das industrias madereiras que cada vez cotizan millor nas bolsas a celulosa dos eucaliptus. A ecuación de “Máis Lumes = Máis Negocios” parece ser que está de sobra contrastada e debatida en foros académicos, xornalísticos e asociativos.
Na Galiza, lonxe de reforestar os montes calcinados con especies autóctonas, (carballo, castiñeiro, etc.) estase consentindo (coa apatía da Xunta) que o eucaliptus se convirta na árbore predominante nos montes galegos. Un exemplo desta “paixón eucaliptofílica” témolo no titular que saltou os medios galegos o 28 de marzo de 2011: “ Galiza plantará esta primaveira 30 millóns de eucaliptus. É o maior boom da especie en 25 anos, polo seu prezo e a crise do piñeiro”. ¿É que dí a Xunta ao respecto? Nadiña. Todo parece indicar (a vista dos numerosos estudos e informes do movemento ecoloxista) que hai certas minorías oligopolísticas que están a facer o agosto, dun xeito directo ou indirecto, con esto dos lumes.

Expertas e expertos en ecoloxía e o movemento ecoloxista afirma rotundamente que estamos ante “un boom sen precedentes nas últimas décadas do eucaliptus que obedece a cotización internacional da pasta do eucaliptus para o papel (con bos prezos pra esta madeira e bos negocios pra Bolsas) e a decadencia do piñeiro como árbore a comercializar”.
E claro... ¿cómo se pode falar de querer loitar contra o lume se non se erradica o ecocido que supón a explotación capitalista dos montes galegos? ¿cómo se pode falar de querer loitar contra o lume se non se reforestan os montes dunha maneira axeitada evitando a pérdida de biodiversidade e de calidade do chan?
Ben sabe a comunidade científica que o eucaliptus é unha árbore que non é garante da biodiversidade, mais ben todo o contrario. É unha árbore perennifolio de gran desenrrolo que che ata os 60-70m de altura e, ocasionalmente aos 90m. Con diámetros de 1-2m, con follas aromáticas.
Entón... ¿Alguén pode afirmar que a sombra dun eucaliptus haxa xabaríns ou corzos? ¿Alguén pode afirmar que os esquíos suben polos eucaliptus e atopan neles alimento? ¿Alguén pode afirmar que a alfombra de follas perennes que ao seu arredor fai o eucaliptus permite o nacemento de fentos, xestas, herbas autóctonas ou albergan refuxio para as lebres e os zorros? Todo parece indicar que a raíz da cuestión non está tanto no lume en sí senón na crise ecolóxica que están atravesando dende fai décadas os montes galegos; unha crise ecolóxica que fomenta e permite negocios suculentos a raiz dos lumes.
A soberanía ecolóxica e a soberanía alimentaria son duas patas fundamentais dos entornos rurais sobre as que xira o mantenemento da vida e o futuro da biodiversidade galega; sobre as que xira o futuro duns montes vivos, biodiversos e sostíbeis que pertenzan ao pobo e sexan a identidade cultural compartida. Soo atendendo cun programa ambicioso e ecoloxista esta crise ecolóxica e sociopolítica dos montes galegos se conseguirán evitar os lumes, a reforestación monocultivista e a pauperización dos entornos rurais.

Publicado en GALICIA CONFIDENCIAL

No hay comentarios:

Publicar un comentario