Dende hai algúns anos tense falado da necesidade da cohesión dun espazo europeo onde os vellos estados do continente superen diverxencias e compartan un contexto económico terciarizado e mais un contexto político común.
Unha metáfora deste proceso ten sido a do tren europeo. Unha locomotora garante da súa seguridade e viabilidade, progreso a cambio de aperturismo e de superación do proteccionismo estatal. Unha gran maioría dos estados do vello continente fóronse sumando á idea do tren europeo a todo meter, ninguén quere ser un nugallán.
Pero chegou unha crise estrutural do sistema económico e con ela un cambio no paradigma, ou unha reformulación das condicións económicas polo menos. O descarrilamento arrasou con sectores económicos rexionais o seu paso, a globalización incrementou a interdependencia e a crise agudízase nas sempre agonizantes economías locais, pouco produtivas segundo os maquinistas.
O tren europeo rachou máis que portas ó seu paso, que llelo pregunten por exemplo ós que traballan no sector lácteo. Agora só din que o problema foi que había portas de máis, será que faltaba máis globalización, será que aínda non nos modernizamos nestas terras. O caso é que ninguén se quere facer responsable da desfeita que se cometeu. Iso si, sábese ben a conta de quen se vai arranxar.
As tan soadas axudas e fondos europeos (véxase a Política Agraria Comunitaria) garantes do dinamismo das rexións locais, nin se cheiran por estas terras. Meteu a man no peto quen non debía e agora os agricultores, gandeiros e pescadores galegos asubían de cara a Bruxelas a velas vir namentres as aldeas se abandonan, os montes énchense de toxos e de xestas e increméntanse os riscos de incendio.
Futuro incerto neste pequeno recuncho do noroeste peninsular onde a pauperización no campo é crecente. Reventáronse as portas do medio rural para liberalizalo e agora recóllese éxodo rural a cachón. Ás terras galegas non chegaron os ventos da embriaguez europeísta, soamente se recollerán as consecuencias do descarrilamento ferroviario: menos fondos e axudas das que había.
Mantéñense portas en pé, pero son as das casas e vellos cortellos das aldeas galegas. Portas enferruxadas e tamén europeas, á espera de que alguén as vexa e se apiade delas. Quizabes un Plan Urbanístico promove chalés arrimados como substituto dos grelos e das verzas.
Publicado en GALICIA HOXE
No hay comentarios:
Publicar un comentario