Outro 28X nas nosas axendas e deume por lembrar, por lembrar/me...
das persoas LGTBI que no cotián loitan pola soberanía do seu pobo;
das nosas maiores que resisten no rural;
das nosas cativas que fan das aldeas lugares máis dignos e habitábeis;
das patriotas feministas que endexamais deixaron a barricada da liberación sexual;
dos nosos anceios de emancipármonos que se misturan coa morriña dos tempos;
dos amoríos non verbalizados;
das caricias preguiceiras que habitan nos fallados do tempo;
das complicidades que pasan desapercibidas;
dos armarios negados que saben a rural e se negan nas urbes;
das identidades esnaquizadas que habitan espazos hostís;
das miradas pícaras e a linguaxe de barricada;
da nosa particular emancipación entrecruzada e interdependente;
das mulleres heteros que se parten a cara contra a transmaribibollofobia;
dos homes feministas que dende o rural deconstrúen o patriarcado;
dos nenos e mozos que se cuestionan e tecen apoio mutuo nas airas e parroquias;
das historias e vivencias negadas polo xugo español;
da historia de Elisa e Marcela;
da nosa Esmorga;
da nosa cultura LGTBI emigrada e exiliada...
Lémbro/me da cultura LGTBI dos pobos sen estado;
das queimadas e apestadas polo sinxelo feito de amar;
da creatividade negada polos mass media;
das creadoras irredentas e insumisas;
do noso imaxinario irmandiño de meigas e rabudas;
das exiliadas que se negan a negar;
das vivencias de ida e volta;
das pequenas grandes mudas;
dos macutos cheos de contos e lerias;
das matriotas solidarias que practican o apoio mutuo até dentro das cárceres;
das solidarias internacionalistas;
das emigradas e exiliadas con ansias de voltar e trastocar;
das non asimiladas que dende a precariedade mudan e axitan;
das incrédulas que -de esprito cheo- sementan utopías e comparten enredos.
Lémbro/me delas, sí.
Cativas, mozas e novas que se expanden nas ruralidades dende os afectos, a creatividade e os sentimentos;
sementes de vencer que azuzan nas parroquias e vilas que se negan a esmorecer.
Non me esquezo delas, sí.
Maiores, retornadas e exiliadas diaspóricas;
reverdecen todas elas sí, en tódalas gamas de cores;
expresivas con tódolos olores, sabores e discursos emancipatorios;
narradoras infatigábeis, cofres de vida e sabedoras de desacougos;
que non saberán as que van paso sereo firme;
co traxín dos ningures, entre as fronteiras do campo e as portas da cidade.
Hoxe;
un 28 de Xuño máis...
deume por lembrar.
*Ángel Amaro
No hay comentarios:
Publicar un comentario