lunes, 5 de mayo de 2014

NÉGOME A NEGAR

Non renego do acento, do deixe, da fala, da cultura, da miña mestizaxe de fronteira.
Non renego da Galiza que baixa o lombo pra sachar, mallar, fresar ou segar.
Non renego da solidariedade e apoio mutuo das comuneiras e das parroquias.
Non renego da labrega que consciente de seu está henchida de vida e rebeldía.
Non renego da señora de pano negro aparentemente engaiolada en prexuizos.
Non renego dos concretos tempos, do que vai devagar, dos coidados pequenos.
Non renego das mulleres sabedoras de tesouros e lendas, de manias e ditos.

Négome a renegar...

Non renego da rapazallada víctima da pauperización organizada dende Madrid.

Non renego das emigrantes alienadas que se autoperciben autómatas e baleiras.
Non renego da estigmatizada ignorancia que todos tachan de incultura do Interior.
Non renego dos morriñeiros que soo pensar nas vías se fan pequerrachos.
Non renego das inocentes, as que - cheas de actitude - aprehender sempre queren.
Non renego das mozas do castrapo, do seseo e da gheada; do galego asilveirado.
Non renego das nenas apaixonadas polas fadas e meigas, pola maxia dos montes.

Négome a renegar...

Non renego das compañeiras semellantes, ainda que aparentemente dispersas.

Non renego de desidealizar o entorno, de reformular novas linguaxes; re/a/chegar/me.
Non renego desas morriñas esporádicas que se antoxan superficiais e caprichosas.
Non renego dos medos da volta, do non atopado, da redimensión que ha de vir.
Non renego da diáspora que haberá que reubicar, do devir redimensionado; pasado.
Non renego do inevitábel proceso de descolonizarme e regaleguizarme no propio.
Non renego das queimadas, das apestadas; nosa historia das mártires innombrables.


Négome a renegar...


*Ángel Amaro

No hay comentarios:

Publicar un comentario