De pedra herdada e tella do tempo.
Baleiro agora, agochando segredos.
Hórreo que no seo albergaches millo, garabanzos e fabas secas.
Portiña de madeira ben axeitada, pretendendo tocalo ceo.
Sosteste no alto contra a humidade, os ratos espabilados e o esquecemento.
Ao carón das pitas, case sempre facías de medio galiñeiro.
O teu ventre fixo de teito pro galo pillo e as pitas vellas.
Tamén albergaches trigo e facenda da aira.
Nos teus pequenos escalóns sentábanse as meniñas e as rapazas.
No vrau e nas sestas abrasadas dabas humidade e templanza.
Hórreo da memoria que pareces soberbio.
Moitos desfanse de tí e nin che dan proveito.
Algúns labregos que colleitan menos non te botan a perder.
Agora gardas sulfateiras, vasoiras de xesta e sacos de tecido vello.
¿Podes falar dos novos silencios que habitades e vos habitan?
Ainda que baixe o ritmo do agro, as túas xentes danche funcionalidade.
Ainda que cobixes a menos elementos, as túas xentes humanizante polo sentimento.
*Ángel Amaro
No hay comentarios:
Publicar un comentario