A longa noite de pedra ti viches chegar,
mártires asesinadas, asesinados; fillas de Breogán.
Non esqueces os paseillos e os pelotóns;
das vilas os cemiterios, traxín de dor.
Das tapias os últimos berros das mártires viñan;
estremecían os sentidos; recibían a bala erguida;
forte militancia e amizade; axeonlladas non a recibían.
Puño en alto, estreleira en mán, medo non tiñan.
Corpos nos ríos, cunetas removidas
fosas nos outeiros, enterrados ao abrilo día.
Tricornio e culatazo por riba da aberta ferida.
Falanxistas voluntarios ían ledos con galeguistas;
republicanas, anarquistas; Holocausto das ideoloxías.
Nas pupilas retés a dor das milicianas, viudas, fillas, nais
Galeguistas, defensoras do autogoberno e a dignidade;
nada mais.
Ti viches miles de almas boas agachadas en galiñeiros e palleiras,
tachadas de roxas escapaban pros montes, entre as carballeiras.
Algunhas a América poideran escapar; outras a Portugal
Na súa maioría o exilio foi interno, social;
un fascismo encarnizado, cotiá.
Rapadas, violadas, violentadas por falar galego
Vixiadas polos de verde, delatadas por veciños; polo crego.
No medio das ceas leváronvos os maridos; violáronvos as fillas
O terror era pedagoxía, o voso pan de cada día.
Expropiáronvos fincas e menguaron a vosa comida,
estigmatizaron as vosas vidas, aldraxaron a vosa autoestima.
Represaliada por alimentar maquis e acoller republicanas,
comida ó monte levaches; non te delataba a faciana.
Da resistencia galega pasaches a formar parte;
sufriches coas feridas alleas, co dor das historias rachadas;
das mártires errantes
Grazas a tí os maquis mantíñanse alimentados e quentes.
Mercaban armas, querían vengar as ausentes
Crucial ti fuches pra refuxiadas e maquis,
quixeron facela utopía xa presente.
Xerabas redes coas familias das milicianas,
fuches cómplice sempre coas guerrilleiras,
coas estigmatizadas.
Eras o canle pra comunicarse entre resistencia interna;
levaches cartas; eras intermediaria con guerrillas alén Galiza;
as externas.
Sabías de intentonas e plans de combate;
contábanche anceios de liberdade;
espranzas de sermos ceibes e ter dignidade;
da posta en valor da nosa galeguidade
¿cantos soños soubeches de rebelarse?
¿cantas bágoas de mártires ti limpaches?
Profesores ti viches dun castelán castizo,
as cativas ían con pánico; non tiñan bo dominio.
Labazas zoupaban por falar castrapo; verbas en barallete.
“Es de buen cristiano hablar en castellano”;
acusadas de paletas, de zoquetes.
De sermóns incendiarios ías cheiña.
Como lapas de odio enfermizo chegaban ata a cociña.
Se cuestionabas ou mudabas a faciana; a Benemérita viña,
nin muñeiras, nin alboradas;
algarabías no agosto xa non había.
Galeguista antifranquista, miliciana pola soberanía;
Feminista de clase, obreira do pan noso de cada día.
*Ángel Amaro
No hay comentarios:
Publicar un comentario